Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




Dende a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística infórmannos sobre o éxito da convocatoria Recitando a Celso Emilio Segundo os datos de que dispoñen, arredor de 200 centros xuntaron uns 30.000 rapaces. Centros de Infantil, Primaria, Secundaria, centros públicos e privados (Salesianos, Compañía de María, Sagrada Familia,…) Esta convocatoria recibiu apoios externos, coma Agabel, Galix, o Ateneo de Santiago de Compostela, o Ateneo de Pontevedra, a concellería de Cultura e a Biblioteca municipal do Concello de Cee, a asociación xuvenil Amencer de Ourense e a Área de NL da Universidade de Vigo (cun recitado desde a terraza da Biblioteca Central) , o Servizo de NL do Concello de Redondela e a Radio local. Tamén apoiou a convocatoria algún lectorado no estranxeiro. Foron moitas as iniciativas impulsadas ou apoiadas desde as bibliotecas escolares, e moi difícil escoller entre todas. Velaí vai unha pequena mostra:

  C.P.I. "Santa Lucía" de Moraña:  

  E.E.I. "Fernández Varela" da Pobra do Caramiñal: 


 C.E.I.P. "Víctor Sáez" de Mazaricos:  

 C.E.I.P. Plurilingüe "A Pedra" de Bueu:  

  I.E.S. "Sánchez Cantón", de Pontevedra:  

  O Instituto Cañada Blanch de Londres, que saíron á rúa e pedíronlle aos londinenses que leran 

un dos versos do poema:  

Son estas as iniciativas que manteñen vivas e unidas as bibliotecas, centros de ensino e centros culturais de toda Galiza, que serven como punto de referencia desde as poboacións máis numerosas ata as pequenas aldeas. Grazas aos novos medios podemos seguir propagando e compartindo o amor polo noso e a nosa vocación de divulgalo e de non esquecer o papel que, como docentes, e desde as nosas bibliotecas nos corresponde. Agradecemos á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística todo o traballo e a ilusión que contaxiaron en todos e todas nós.

Recitando a Celso Emilio

Desde AGABEL queremos apoiar a iniciativa RecitandoCesoemiliO impulsada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. A proposta alude moi directamente ás Bibliotecas Escolares, como núcleos de dinamización da lectura e da cultura entre os máis novos e faise extensivo a asociacións, institucións e cidadanía. Conmemoramos o centenario do nacemento de Celso Emilio, pero tamén colaboramos nun proxecto común e ilusionante na defensa da nosa lingua a través da palabra, facendo noso o contido do poema “Deitado fronte ao mar”. AGABEL anima a participar nesta homenaxe, a facer que cada centro, cada biblioteca, sexa un punto difusor do espíritu que inspira esta proposta. Felicitamos ao IES "As Barxas" polo seu traballo e a súa xenerosidade.

De volta das IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, pretendemos transmitir nos nosos centros todo o aprendido, todo o experimentado, os nosos plans, os proxectos cos que podemos mellorar o que xa estamos a facer... O problema, coma sempre, será o tempo. Como podemos manexar o escaso tempo do que dispoñemos, cada vez máis recortado, para levar a bo fin todos os nosos plans...? Seremos capaces, tan sequera, de cumprir o programado para o PLAMBE -no caso dos centros que xa están-, ou seremos quen de formular un proxecto axeitado para entrar neste "clube"? Afortundamente, voces autorizadas como a de Luís González poden sustentar con evidencias o que todos e todas nós experimentamos a diario nas aulas, na biblioteca, no centro,... Que non caia no baleiro todo o que se dixo esta fin de semana. Todos e todas nós estamos comprometidos, ilusionados, persoalmente implicados neste labor. "Facémolo porque nos gusta", foi unha das frases máis repetidas. Que este pracer non sexa un engano para as nosas autoridades. Precisamos TEMPO, RECOÑECEMENTO, APOIO, COMPROMISO, e iso so pode ofrecelo quen lexisla, quen executa, quen manda: o noso goberno, que para iso está. Mágoa que, a pesares dos avances feitos desde que AGABEL comezou a súa andaina este siga sendo o punto feble... o tempo, medido en catálogos de centros, en ROCs, en configuración de ofertas e en deseños curriculares... AGABEL seguirá reclamando o que sempre pediu. Queda moito por facer. Fagámolo.

Eleccións Autonómicas 2012


Os membros da directiva de AGABEL fan un repaso dos programas electorais dos partidos con representación parlamentaria actual (PP, PSOE e BNG), e revisan asimesmo os de UPyD, C x G e AGE, concluíndo
- Ningún dos partidos con representación parlamentaria actual en Galicia fai referencia directa ás bibliotecas escolares. Chama especialmente a atención, dado que os tres apoiaron o PLAMBE nos sucesivos gobernos. O recoñecemento obtido polas bibliotecas escolares galegas é salientable no estado español, toda vez que unha terceira parte dos premios outorgados ás “Boas prácticas” e convocados polo Ministerio de Educación veñen reacaendo nas  bibliotecas escolares da nosa comunidade autónoma durante estes últimos anos.
- Nos programas do resto de opcións políticas revisadas tan só C x G fai mención ás bibliotecas escolares.Sen embargo, neste caso, refírese a impulsalas en “todos os centros sen excepción”, aspecto que consideramos máis que superado, xa que non se pode apoiar convenientemente aos centros que non teñen vontade, nen proxecto nen vontade de permanencia no traballo da biblioteca escolar. Menciona tamén o apoio ás bibliotecas a través de “persoal especializado”.
En ningún dos casos se refire á reivindicación máis antiga das  bibliotecas  escolares galegas, o recoñecemento da figura do bibliotecario escolar, coa súa correspondente liberación horaria, que debe quedar reflectida no ROC.
Agardamos que, goberne quen goberne a partires do día 22 de outubro saiban valorar a importancia que teñen na actualidade, e que deberían seguir tendo no futuro as bibliotecas escolares de Galicia como eixo dinamizador da vida do centro e factor fundamental para a innovación educativa e o desenvolvemento das competencias básicas,  así como o traballo dos mestres, mestras e profesorado implicado nas bibliotecas escolares.

Nova Directiva


Aínda que con retraso, por causas alleas á organización, publicamos a acta de constitución da nova Xunta Directiva. Nestes tempos de incertidume hai que manter a ilusión e, sobre todo, ter claro que o único antídoto contra a invisibilidade é a unión. Ven a conto o fragmento de "Fantasmas de luz", de Agustín Fernández Paz: "... precisamos saber un dos outros, coñecérmonos todos os que estamos na mesma situación". Esta é a realidade que temos, e con ela temos que vivir, sexa como sexa, pero mellor cun punto de encontro. Pois ben, este é o novo comezo. 

ACTA DA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA ASOCIACIÓN GALEGA POLAS BIBLIOTECAS ESCOLARES E A LECTURA (AGABEL) DO 14 DE XUÑO DE 2012.

Sendo as 18.30 horas (en segunda convocatoria) na cidade de A Coruña celebrouse a asemblea cun único punto na orde do dia:

1.- Estudo e votación das candidaturas presentadas para a renovación da Directiva.

Os presentes acordan manter a asociación cunha directiva formada por :
Susana Seoane Dovigo (presidenta)
Carmen Suárez López (vicepresidenta)
Maribel Serantes Gómez (secretaria)
Emilio Roca Puente (tesoureiro)
Isabel Vázquez Rosales (vocal)
Covadonga Rodríguez Argüelles (vocal)

A Coruña, a 14 de xuño de 2012

Situación actual de AGABEL

Diante das derradeiras asembleas de AGABEL, desexo contar o seguinte:

Hai xa 12 anos un grupo de profesionais do ensino e das bibliotecas municipais, preocupados polo abandono das bibliotecas escolares, constituíron na cidade da Coruña a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (AGABEL). Tiñan uns obxectivos moi claros (podedes revisalos na súa web), importantes experiencias que os respaldaban e, sobre todo, moita ilusión. Moitos lembramos aínda aquelas reunións (semanais!) no Forum, os encontros con escritores, os cafés “literarios” cos que entramos en contacto con esta asociación.
Durante todos estes anos, o traballo de AGABEL deu saborosos froitos: alguén recibe aínda na súa biblioteca aqueles inútiles lotes de libros, alguén di que o centro non dispón dun ordenador para uso exclusivo da xestión, alguén acha en falta unha persoa ou persoas de referencia na Consellería para responder ás nosas dúbidas, alguén non dispón dun programa de xestión en rede para catalogar os seus fondos, alguén di atoparse só e sen axuda doutros centros para desenvolver os seus proxectos, saír de dúbidas, alguén di ter falta de formación…?
Moitos poden argüír que todos estes recursos foron obra dunha sabia administración educativa. Pero se miramos as cifras do total do Estado saltan logo as preguntas: “Por que as bibliotecas escolares galegas se diferencian tanto das demais? Por que somos tomados como exemplo de boa xestión, de imaxinación, de cooperación? Por que cando saímos fora de Galicia todos os nosos compañeiros nos felicitan?” Probablemente porque o deseño do desenvolvemento das bibliotecas escolares se fixo “desde dentro”, desde a experiencia, dando resposta ás auténticas necesidades plantexadas polos profesionais do ensino, por nós, que tiñamos unha voz única que sempre nos representou con datos e plans realizables diante dos sucesivos gobernos de Galicia.
Todos os que se incorporan agora a esta “familia” do PLAMBE deben saber que estas conquistas non foron obra da xenerosidade dos conselleiros ou directores xerais, senón froito do traballo de todos, e que entre eses todos sempre perviviu o espírito de AGABEL. Foi a axuda desinteresada, a man acolledora, a que nos amosou exemplos de boas prácticas noutros países e nos dixo: “Nós tamén podemos, por que non?”, a voz que falou nos despachos e que puxo a cara e sinatura a todas as nosas reivindicacións, a que nos contou o que se estaba cocendo nos DOG, e que afectaba e afecta á nosa formación (asesorías dos CEFORE) e á nosa organización (ROC).  
Temos agora a sensación de que por fin, “fixemos cumio”. Parece que o noso traballo está rematado. Xa chegamos ao alto da montaña pelexando, sufrindo, mesmo perdendo equipo polo camiño. E agora que estamos aquí, so queda descender e rematou a aventura. De verdade é isto así? Xa non hai máis cumios que alcanzar? A partir deste momento, veremos unha vez e outra repetida a nosa fazaña desde o noso salón, sen buscar máis nada, porque non hai máis nada que buscar?
E agora que? Supoño que o recurso será queixarse a través da rede (porque motivos hainos), desafogarnos, chorar xuntos, criticar a este ou aquel, e pechar logo o computador para seguir coa nosa vida. Bonito plan. Daremos por certo que as nosas asesoras (esas polas que tanto pelexamos e que tanto pelexan) van transmitir a nosa situación aos seus “superiores” polas canles establecidas. Que serán elas as que “se queixen” da escasez de persoal, da falta de horarios, da falta de recoñecemento, da non existencia sobre o papel da biblioteca escolar (aínda estamos nesta situación) e da ausencia de medios e de cartos (que vai chegar). Así de ben organizadiño. Pois non. Este mundo non funciona así. Temos que facelo nós, so nós podemos facelo.
A última directiva de AGABEL rematou o seu mandato, e na Asemblea celebrada en Compostela o pasado 12 de maio non foi presentada ningunha candidatura. O noso presidente en funcións anuncia a convocatoria de dúas últimas (se cadra derradeiras) asembleas: as que certificarán a defunción da nosa Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura. Non nos enganemos: deixar morrer AGABEL vai ser o comezo do fin do noso labor. É a proba máis clara de que a crise tamén chegou ao noso corazón, aquel que bombea ilusión e fe no noso traballo. Vese que agora, ese noso corazón xa non ten materia que repartir, e que o noso corpo, ese que antes era forte, vivo, animado, non foi quen de enxendrar máis que cifras que enchen as nosas bibliotecas, os orzamentos, os balances de resultados. Se non hai quen tome o relevo, esta andaina remata o vindeiro 9 de xuño. Os que, ademais de estar indignados, teñan capacidade de reacción e iniciativa teñen a palabra.
 En Cee, a 24 de maio de 2012
Susana Seoane Dovigo
Secretaria de AGABEL

Asemblea Ordinaria do 12-V-2012

ACTA DA ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA DA ASOCIACIÓN GALEGA POLAS BIBLIOTECAS ESCOLARES E A LECTURA (AGABEL) DO 12 DE MAIO DE 2012.


Sendo as 11,00 horas (en segunda convocatoria) e en Santiago de Compostela celebrouse a asemblea coa seguinte Orde do Día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

2.- Informe do estado de contas.

3.- Informe de actividades desenvolvidas.

5.- Renovación da xunta directiva: presentación e votación das candidaturas presentadas.

7.- Rogos e preguntas.



1.- Tras a lectura da acta da asemblea anterior, foi aprobada.


2.- Informe do estado de contas

            Ingresos por cotas: 2.007 euros

            Gastos:                      796,56 euros

Saldo a 1-V-2012: 5.634,30 euros

Aprobouse o estado de contas.


3.- Informe de actividades desenvolvidas.

-Redactouse unha proposta sobre os borradores de ROCs das Escolas de Idiomas e dos Conservatorios de Música e Danza. En abril 2010 foi enviado a CIG, CCOO, FETE-UGT e á Consellería de Educación.

-Celebración do décimo aniversario da asociación.

-Nos Encontros do PLAMBE, 16-IV-2010 foron repartidos trípticos, fotocopias e bolígrafos.

-Entrevista con J. L. Mira Lema. Director Xeral de Educación.

-30-X-10 Publicación dunha entrevista en Galicia Hoxe

Mantemento do blog.

-Xaneiro 2011: solicítase entrevista con J. L. Mira Lema. Director Xeral de Educación  pola publicación dun ROC.

-18-V-11: Entrevista con J. L. Mira Lema. Director Xeral de Educación.

-De cada entrevista enviouse a cada socio/a o seu informe correspondente.

-Finais de maio 2011: protesta polo borrador da orde de formación sen asesorías de BE, enviando faxes ao Conselleiro e aos dous directores xerais.

-En marzo de 2011 o presidente comunica a súa dimisión aos outros membros da directiva. Como non se conta coa existencia de ningunha candidatura alternativa á Directiva, o presidente decide non convocar a  asemblea anual nin pasar ao cobro os recibos do 2011.


5.- Renovación da xunta directiva: presentación e votación das candidaturas presentadas.

Como non hai candidaturas presentadas, o presidente propón:

-Convocatoria dunha asemblea extraordinaria para tratar de acadar a presentación dunha candidatura, en varias semanas e na Coruña.

-En caso de non presentarse ningunha candidatura, celebrar, inmediatamente outra asemblea extraordinaria para proceder á disolución da asociación, tal e como recollen os nosos estatutos, que ao respecto din:



“Art. 35

A Asociación poderase disolver :

a)    Por vontade das/dos asociadas/asociados, expresada mediante acordo da Asemblea Xeral.

… O acordo de disolución adoptarase pola Asemblea Xeral, convocada ao efecto, por maioría de 2/3 das/dos asociadas/asociados.

Art. 36

No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución nomeará unha comisión liquidadora, composta por cinco membros da xunta directiva, que se fará cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbese, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída con enderezo nesta provincia ou a unha comunidade que se dedique a iguais ou, no seu defecto, análogos fins aos desta Asociación.”

7.- Rogos e preguntas.

Non habendo nin rogos nin preguntas, rematouse a asemblea ás 12,30 horas.



DE BIBLIOTECAS ESCOLARES E OS SEUS RESPONSABLES

Os profesores e profesoras da Rede profesional de bibliotecarias e bibliotecarios escolares da provincia de Córdoba reunidos na última sesión anual dos Encontros de bibliotecas escolares no Centro do Profesorado de Córdoba o día 24 de abril de 2012, acordaron por unanimidade subscribir o presente escrito e elevalo a quen corresponda:

As bibliotecas escolares constitúen un recurso imprescindible para a educación e o seu defensa, protección e apoio supón unha necesidade máis aínda nestes tempos, a pesar de que non sexan economicamente os máis prósperos. Non podemos consentir que se interrompa o arduo traballo de todos estes anos, nin podemos seguir na continua provisionalidade dos últimos. Este apoio ás bibliotecas escolares, aos seus responsables e equipos, debe reflectirse de xeito claro e inequívoca na lexislación que a Xunta de Andalucía prepara, e debe mirar ao futuro coas altas perspectivas que competen á misión que desempeñan. Por esa razón, pedimos:

Que a redución horaria semanal do responsable da BE sexa equiparada ao resto dos proxectos educativos, a tenor do disposto na ORDE de 3 de setembro de 2010, pola que se establece o horario de dedicación do profesorado responsable da coordinación dos plans e programas estratéxicos que desenvolve a Consellería competente en materia de educación.
Que se cre o departamento de biblioteca escolar nos centros.
Que se evite a provisionalidade no cargo de responsable de biblioteca escolar dos nomeamentos limitados a un ano.
Que as direccións dos centros poidan solicitar dotación de equipamento, mobiliario e adecuación de espazos, previamente argumentados e xustificados.
Que, independentemente doutro tipo de ingresos que poida ter a BE, adecúese debidamente o orzamento dos centros educativos, de forma que a dirección do centro estableza un orzamento anual ordinario para o mantemento da biblioteca escolar que oscilaría entre o 5% e o 10% do total do centro, tal como establece a UNESCO.
Que se integre a biblioteca escolar no centro a través da presenza do seu responsable no ETCP.
Que se procure especialmente que a normativa non se preste a interpretacións e sesgos, de forma que a súa redacción sexa explícita respecto das horas de dedicación e á adxudicación de recursos materiais e humanos.
Que a biblioteca escolar estea presente na formación xeral do profesorado con obxecto de que se coñeza e respecte o seu uso na práctica educativa, especialmente na formación de directivos, de profesorado en prácticas e de máster.

68 profesores e profesoras de primaria e secundaria de centros públicos da provincia de Córdoba

Córdoba a 24 de abril de 2012.
Lido en Miguel Calvillo.

;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column