Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.
Diante das derradeiras asembleas de AGABEL, desexo contar o seguinte:
Hai xa 12 anos un grupo de profesionais do ensino e das bibliotecas
municipais, preocupados polo abandono das bibliotecas escolares, constituíron
na cidade da Coruña a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura
(AGABEL). Tiñan uns obxectivos moi claros (podedes revisalos na súa web), importantes experiencias que os
respaldaban e, sobre todo, moita ilusión. Moitos lembramos aínda aquelas reunións
(semanais!) no Forum, os encontros con escritores, os cafés “literarios” cos
que entramos en contacto con esta asociación.
Durante todos estes anos, o traballo de AGABEL deu saborosos froitos:
alguén recibe aínda na súa biblioteca aqueles inútiles lotes de libros, alguén
di que o centro non dispón dun ordenador para uso exclusivo da xestión, alguén
acha en falta unha persoa ou persoas de referencia na Consellería para
responder ás nosas dúbidas, alguén non dispón dun programa de xestión en rede para
catalogar os seus fondos, alguén di atoparse só e sen axuda doutros centros
para desenvolver os seus proxectos, saír de dúbidas, alguén di ter falta de
formación…?
Moitos poden argüír que todos estes recursos foron obra dunha sabia
administración educativa. Pero se miramos as cifras do total do Estado saltan
logo as preguntas: “Por que as bibliotecas escolares galegas se diferencian
tanto das demais? Por que somos tomados como exemplo de boa xestión, de
imaxinación, de cooperación? Por que cando saímos fora de Galicia todos os
nosos compañeiros nos felicitan?” Probablemente porque o deseño do desenvolvemento
das bibliotecas escolares se fixo “desde dentro”, desde a experiencia, dando
resposta ás auténticas necesidades plantexadas polos profesionais do ensino,
por nós, que tiñamos unha voz única que sempre nos representou con datos e
plans realizables diante dos sucesivos gobernos de Galicia.
Todos os que se incorporan agora a esta “familia” do PLAMBE deben saber que
estas conquistas non foron obra da xenerosidade dos conselleiros ou directores
xerais, senón froito do traballo de todos, e que entre eses todos sempre
perviviu o espírito de AGABEL. Foi a axuda desinteresada, a man acolledora, a
que nos amosou exemplos de boas prácticas noutros países e nos dixo: “Nós tamén
podemos, por que non?”, a voz que falou nos despachos e que puxo a cara e
sinatura a todas as nosas reivindicacións, a que nos contou o que se estaba
cocendo nos DOG, e que afectaba e afecta á nosa formación (asesorías dos
CEFORE) e á nosa organización (ROC).
Temos agora a sensación de que por fin, “fixemos cumio”. Parece que o noso
traballo está rematado. Xa chegamos ao alto da montaña pelexando, sufrindo,
mesmo perdendo equipo polo camiño. E agora que estamos aquí, so queda descender
e rematou a aventura. De verdade é isto así? Xa non hai máis cumios que
alcanzar? A partir deste momento, veremos unha vez e outra repetida a nosa
fazaña desde o noso salón, sen buscar máis nada, porque non hai máis nada que
buscar?
E agora que? Supoño que o recurso será queixarse a través da rede (porque
motivos hainos), desafogarnos, chorar xuntos, criticar a este ou aquel, e
pechar logo o computador para seguir coa nosa vida. Bonito plan. Daremos por
certo que as nosas asesoras (esas polas que tanto pelexamos e que tanto
pelexan) van transmitir a nosa situación aos seus “superiores” polas canles
establecidas. Que serán elas as que “se queixen” da escasez de persoal, da
falta de horarios, da falta de recoñecemento, da non existencia sobre o papel
da biblioteca escolar (aínda estamos nesta situación) e da ausencia de medios e
de cartos (que vai chegar). Así de ben organizadiño. Pois non. Este mundo non
funciona así. Temos que facelo nós, so nós podemos facelo.
A última directiva de AGABEL rematou o seu mandato, e na Asemblea celebrada
en Compostela o pasado 12 de maio non foi presentada ningunha candidatura. O
noso presidente en funcións anuncia a convocatoria de dúas últimas (se cadra
derradeiras) asembleas: as que certificarán a defunción da nosa Asociación Galega
polas Bibliotecas Escolares e a Lectura. Non nos enganemos: deixar morrer
AGABEL vai ser o comezo do fin do noso labor. É a proba máis clara de que a
crise tamén chegou ao noso corazón, aquel que bombea ilusión e fe no noso
traballo. Vese que agora, ese noso corazón xa non ten materia que repartir, e
que o noso corpo, ese que antes era forte, vivo, animado, non foi quen de
enxendrar máis que cifras que enchen as nosas bibliotecas, os orzamentos, os
balances de resultados. Se non hai quen tome o relevo, esta andaina remata o
vindeiro 9 de xuño. Os que, ademais de estar indignados, teñan capacidade de
reacción e iniciativa teñen a palabra.
Secretaria de AGABEL
Etiquetas: Asemblea
0 comentarios:
Subscribe to:
Enviar comentarios (Atom)