Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




2010 Ano do Libro e da Lectura

A Consellería de Cultura, que non a de Educación, acaba de facer público que o ano 2010 é declaro Ano do Libro e da Lectura.
Este é o texto da argumentación e os eidos nos que se pensa traballar.

2010 Ano do Libro e da Lectura

"Programas de promoción do libro, fomento da lectura e a escrita, e mellora da xestión pública das bibliotecas.

Consciente do valor estratéxico do libro como instrumento para a expresión do dereito á creación, a promoción e a divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia, o Consello da Xunta acordou declarar o próximo ano 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia, e invitar a todos os galegos a participar nos distintos actos que se realicen nesta celebración.
Procurouse a coincidencia do Xacobeo co Ano do Libro e da Lectura co obxecto de propiciar a complementariedade entre estas dúas celebracións. Sitúase así o libro, a nosa cultura e a nosa lingua, no marco dun acontecemento de enorme proxección exterior como é o Ano Santo.

No vindeiro ano, ademais de potenciar as accións que xa se veñen realizando a prol do libro e da animación á lectura, deseñouse unha programación variada concebida para conseguir unha maior visibilidade do libro e achegalo a toda a cidadanía.

Aínda aberta a novas iniciativas e cun orzamento previsto de 2.850.000 €, a programación inclúe proxectos de animación cultural, congresos e conmemoracións, actividades de promoción e difusión do libro, fomento da lectura e a escrita, así como
iniciativas para a mellora da xestión pública do libro e as bibliotecas.

1-ANIMACIÓN CULTURAL
Inicio e peche do Ano do Libro e da Lectura
Exposicións


2-CONGRESOS E CONMEMORACIÓNS
Encontros e congresos
Centenarios e outras homenaxes
Outras conmemoracións


3-PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DO LIBRO
Presenza en feiras do libro
Presenza do libro nos medios


4-FOMENTO DA LECTURA E DA ESCRITA
Animación á lectura
Fomento da escrita
Biblioteca galega de Bos Aires


5-XESTIÓN DO LIBRO E BIBLIOTECAS
Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura."

Hábitos de lectura 2009

A Federación de Gremios de Editores de España vén de publicar o Informe de hábitos de lectura y compra de libros en 2009, un barómetro que mide os hábitos da poboación maior de 14 anos en relación cos libros e a lectura. Desde hai tres anos, este barómetro presta tamén atención á lectura entre a poboación máis nova, entre 10 e 13 anos. Cómprenos unha lectura detallada deste informe se queremos traballar por obxectivos, sabendo de onde partimos e qué aspectos deberíamos ter en conta como mediadores na formación dos novos lectores e lectoras. Algúns datos para a reflexión:


Os lectores frecuentes, entre a poboación maior de 14 anos son o 41,3% (len todos ou case todos os días, ou unha ou dúas veces por semana).
Os lectores frecuentes, entre 10 e 13 anos, son o 77,1%
O 55% da poboación maior de 14 anos declárase lectora (lectores frecuentes + lectores ocasionais, que len un libro ao mes ou ao trimestre)
Entre os rapaces e rapazas de 10/13 anos, a porcentaxe de lectores, sumando frecuentes e ocasionais, sube ao 91,2%
O 78,4% dos nenos lectores asegura que seus pais lles len na casa, e o 88% que lles mercaron ou agasallaron con libros no último ano.
O 97,2% dos nenos lectores afirmar que os seus profesores os animan a ler, e o 93,2% asegura que nos seus colexios se realizan actividades arredor da lectura e o libro, participando nelas o 94,1%.


Galicia sube 2,3 puntos con respecto ao ano 2008, na porcentaxe de poboación lectora (+ 14 anos), quedando no 54,9%, sendo o 39, 9% os lectores frecuentes.
En Galicia, o 45,1% dos maiores de 14 anos non le.


A lectura en galego representa o 0,5% do total. En Galicia, o 7,4% dos lectores le en galego de forma cotiá.


Novamente, chama a atención tamén, e debera levarnos á reflexión sobre as nosas prácticas de selección e visibilización de segundo qué libros, a relación de libros máis lidos, entre a poboación infantil e entre a poboación adulta. ¿Para esta viaxe, tantas alforxas????

Vía Hora de Ler.-

No BOE do pasado 3 de febreiro publicouse a Resolución de 23 de diciembre de 2009, de la Dirección General de Evaluación y Cooperación Territorial, por la que se publica la Adenda al Convenio de colaboración, entre el Ministerio de Educación y Ciencia y la Comunidad Autónoma de Galicia, para la mejora de las bibliotecas escolares. O millón trescentos mil euros deberá ser destinado a:

As actuacións específicas asociadas á mellora das bibliotecas escolares centraranse nos aspectos que se enumeran a continuación:
Mellora das dotacións das bibliotecas escolares, actualizándoas e adecuándoas aos ensinos que se imparten no centro e ás idades dos seus alumnos: libros, revistas, documentación en soporte informático e recursos de vídeo e audio.
Dotación de mobiliario e de material informático e multimedia, para adecuar as contornas de traballo e lectura, os medios para o almacenamento das coleccións e os sistemas de procura e acceso á documentación e ás necesidades que debe cubrir a biblioteca escolar.
Reforma das instalacións para adecualas mellor ao uso da biblioteca, incluíndo as adaptacións para dotar de conexión a Internet.
Adaptación das instalacións para que poidan ser utilizadas de modo independente ao resto do centro, fóra do horario lectivo.
Mellora da atención das bibliotecas escolares e, en particular, programas experimentais dirixidos á dotación específica de persoal para as bibliotecas escolares
Programas de formación de profesores sobre xestión documental e bibliotecaria e sobre aplicación da biblioteca escolar ao desenvolvemento do currículo.
Establecemento de redes de apoio ás bibliotecas escolares nos servizos centrais, territoriais ou locais ou reforzo das existentes.

;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column