Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




O sábado 24 de abril, no Museo do Pobo Galego, en Santiago, celebrouse o décimo aniversario da constitución de AGABEL cunha mesa redonda que tivo por tema “Cara onde van as Bibliotecas Escolares galegas”.


O acto foi presentado pola tesoureira da asociación, Carme Loriga, quen fixo un percorrido histórico do nosos primeiros dez anos. En primeiro lugar agradecendo o apoio e iniciativas, mesmo para a nosa propia creación, das Bibliotecas Municipais da Coruña, a importancia que tivo Milagros Blanco do CFR da Coruña así como o labor desenvolvido pola presidenta durante os sete primeiros anos do noso colectivo Dores Fernández. Posteriormente fixo un balance das xestións, e logros da asociación diante das distintas administracións educativas.

A continuación tomo a palabra Marta Dacosta, en representación do sindicato docente maioritario na Galiza, a CIG, quen, desde o contexto e problemática actual, sinalou o posicionamento da súa institución sobre a Biblioteca Escolar, amosando a dispoñibilidade para defender en todos os estamentos onde estea presente, as nosas reivindicacións (horario, normativa, orzamento, figura da persoa responsable…)


Posteriormente interveu Virgilio Gantes, presidente da CONFAPA-Galicia quen demandou a necesidade de que a Biblioteca Escolar conte con persoal especializado, amplo horario de apertura, instalacións axeitadas e un fondo documental actualizado e suficiente. Ademais aportou a visión dalgunhas familias sobre o servizo que se presta nalgunhas bibliotecas escolares.


Catuxa Seoane fixo fincapé na necesidade de traballar a prol dunhas bibliotecas participativas, que formen usuarios e usuarias 2.0, destacando as posibilidades pedagóxicas do libro electrónico e dos novos catálogos (con hipervínculos, vídeos, arquivos sonoros…) Subliñou as grandes ofertas da Internet como xestión do coñecemento, como soporte para actividades críticas, como fomento da creación.



Tras lerse a carta recibida desde a Dirección Xeral de Centros escusando a ausencia dalgún representante da Consellería de Educación, interveu Antonio Martínez, Presidente de AGABEL, para sinalar a importancia da acción do profesorado cara ao desenvolvemento das potencialidades pedagóxicas da Biblioteca Escolar ademais de lembrar as reivindicacións, xa históricas, da asociación.


Logo deuse paso a un interesante e intenso intercambio de pareceres sobre as ideas exportas onde se puxo de manifesto a necesidade de aumentar as relacións entre os sectores representados no acto.


Xa fóra do programa compartimos un café e un agradábel xantar.

Moitas grazas a todos e a todas pola participación no acto.

O vindeiro sábado, 24 de abril, ás 11 horas e no auditorio do Museo do Pobo Galego en Santiago, imos celebrar o décimo aniversario da asociación coa mesa redonda:

"Cara onde van as Bibliotecas Escolares Galegas"


Contamos coas intervencións confirmadas de Virgilio Gantes, Presidente de CONFAPA-Galicia, María Dacosta, da CIG, Catuxa Seoane, Bibliotecaria-Documentalista, e Antonio Martínez, Presidente de AGABEL.


Agardamos que a Conselleria de Educación acepte a nosa invitación e designe a unha persoa como representante.


Agardámosvos

O pasado 2 de abril a ENSIL (European Network for School Libraries and Information Literacy), a IASL (International Association of School Librarianship) e a IFLA (International Federation of Library Associations and Institutions), anunciaron a publicación dun documento conxunto, A Library for Every School (Unha biblioteca para cada escola). Este documento é un manifesto que avoga por que as bibliotecas sexan obrigatorias en todas as escolas.

;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column