Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




Os premiados (foto de @alorenzo.64)

No serán de onte celebrouse en Monforte a entrega dos Premios Irmandade do Libro na súa XXIII edición. Os agasallados este ano foron: 

Premio de Honra: Antonio Fernández Maira (Coordinador da Federación de Libreiros).
Mellor Autora do ano: Mª Xosé Queizán.
Mellor Centro Educativo na promoción da cultura: C.E.I.P. Quintela de Moaña.
Mellor Librería do ano: Librería Komic de Santiago.
Obra Editorial do ano: "Guías da Natureza" de editorial Baía.
Fomento da Lectura para a web "Galicia encantada".


A nova ten unha alegría engadida, xa que Isabel Vázquez Rosales (a "nosa" Isa) recolleu o merecido premio que lle concederon ao labor na súa biblioteca, a Biblioteca do Cole de Quintela. Parabéns!



Información recollida a través de  "Brétemas"





Xa está convocada a Asemblea Ordinaria de AGABEL para o vindeiro 13 de abril. Coma sempre, no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a partires das 11.00 en primeira convocatoria, e das 11.30 en segunda. A partires das 12.30, e se a marcha do debate o permite, poderemos comezar a asemblea aberta á que nos comprometemos nos últimos Encontros do PLAMBE, xa que dispoñemos dun lugar axeitado para facelo. 

Durante a Asemblea discutirase o documento de AGABEL que resume a modo de decálogo a nosa presenza no mundo das bibliotecas escolares, e que reivindica melloras para o traballo dos responsables e o seu equipo nos centros de ensino. Podes consultalo aquí.

Salón do Libro de Pontevedra


O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra  abrirá as súas portas entre o 2 e o 23 de marzo. Esta é a XIV edición, e o tema é   “A toda máquina”
O salón contará coma sempre con exposicións e obradoiros.
Os centros de ensino teñen a posibilidade de participar nas visitas guiadas as exposicións de traballos plásticos, novidades editoriales, e salas temáticas, algunhas delas decoradas polos alumnos de Belas Artes de Pontevedra.

Máis información na páxina do Salón do Libro

Premios Irmandade do Libro


A Federación de Libreiros de Galicia convoca o XXII Premios Irmandade do Libro, que conta coa modalidade Centros de Ensino. Neste premio valoráranse as actividades relacionadas co fomento da lectura, e a colaboración coas librerías do contorno durante o ano 2012.
O premio consistirá nunha figura de bronce, deseño do artista Ismael López, e a entrega de premios celebrarase en Monforte de Lemos o 20 de abril.
O prazo para a entrega dos traballos remata o 13 de marzo as 14.00 horas
Máis información:


Dende a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística infórmannos sobre o éxito da convocatoria Recitando a Celso Emilio Segundo os datos de que dispoñen, arredor de 200 centros xuntaron uns 30.000 rapaces. Centros de Infantil, Primaria, Secundaria, centros públicos e privados (Salesianos, Compañía de María, Sagrada Familia,…) Esta convocatoria recibiu apoios externos, coma Agabel, Galix, o Ateneo de Santiago de Compostela, o Ateneo de Pontevedra, a concellería de Cultura e a Biblioteca municipal do Concello de Cee, a asociación xuvenil Amencer de Ourense e a Área de NL da Universidade de Vigo (cun recitado desde a terraza da Biblioteca Central) , o Servizo de NL do Concello de Redondela e a Radio local. Tamén apoiou a convocatoria algún lectorado no estranxeiro. Foron moitas as iniciativas impulsadas ou apoiadas desde as bibliotecas escolares, e moi difícil escoller entre todas. Velaí vai unha pequena mostra:

  C.P.I. "Santa Lucía" de Moraña:  

  E.E.I. "Fernández Varela" da Pobra do Caramiñal: 


 C.E.I.P. "Víctor Sáez" de Mazaricos:  

 C.E.I.P. Plurilingüe "A Pedra" de Bueu:  

  I.E.S. "Sánchez Cantón", de Pontevedra:  

  O Instituto Cañada Blanch de Londres, que saíron á rúa e pedíronlle aos londinenses que leran 

un dos versos do poema:  

Son estas as iniciativas que manteñen vivas e unidas as bibliotecas, centros de ensino e centros culturais de toda Galiza, que serven como punto de referencia desde as poboacións máis numerosas ata as pequenas aldeas. Grazas aos novos medios podemos seguir propagando e compartindo o amor polo noso e a nosa vocación de divulgalo e de non esquecer o papel que, como docentes, e desde as nosas bibliotecas nos corresponde. Agradecemos á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística todo o traballo e a ilusión que contaxiaron en todos e todas nós.

Recitando a Celso Emilio

Desde AGABEL queremos apoiar a iniciativa RecitandoCesoemiliO impulsada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. A proposta alude moi directamente ás Bibliotecas Escolares, como núcleos de dinamización da lectura e da cultura entre os máis novos e faise extensivo a asociacións, institucións e cidadanía. Conmemoramos o centenario do nacemento de Celso Emilio, pero tamén colaboramos nun proxecto común e ilusionante na defensa da nosa lingua a través da palabra, facendo noso o contido do poema “Deitado fronte ao mar”. AGABEL anima a participar nesta homenaxe, a facer que cada centro, cada biblioteca, sexa un punto difusor do espíritu que inspira esta proposta. Felicitamos ao IES "As Barxas" polo seu traballo e a súa xenerosidade.

De volta das IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, pretendemos transmitir nos nosos centros todo o aprendido, todo o experimentado, os nosos plans, os proxectos cos que podemos mellorar o que xa estamos a facer... O problema, coma sempre, será o tempo. Como podemos manexar o escaso tempo do que dispoñemos, cada vez máis recortado, para levar a bo fin todos os nosos plans...? Seremos capaces, tan sequera, de cumprir o programado para o PLAMBE -no caso dos centros que xa están-, ou seremos quen de formular un proxecto axeitado para entrar neste "clube"? Afortundamente, voces autorizadas como a de Luís González poden sustentar con evidencias o que todos e todas nós experimentamos a diario nas aulas, na biblioteca, no centro,... Que non caia no baleiro todo o que se dixo esta fin de semana. Todos e todas nós estamos comprometidos, ilusionados, persoalmente implicados neste labor. "Facémolo porque nos gusta", foi unha das frases máis repetidas. Que este pracer non sexa un engano para as nosas autoridades. Precisamos TEMPO, RECOÑECEMENTO, APOIO, COMPROMISO, e iso so pode ofrecelo quen lexisla, quen executa, quen manda: o noso goberno, que para iso está. Mágoa que, a pesares dos avances feitos desde que AGABEL comezou a súa andaina este siga sendo o punto feble... o tempo, medido en catálogos de centros, en ROCs, en configuración de ofertas e en deseños curriculares... AGABEL seguirá reclamando o que sempre pediu. Queda moito por facer. Fagámolo.

;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column