Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




Xuntanza co Xefe do gabinete da Conselleira de Educación, Juan Carlos Porrúa o 3-XII-08. Por AGABEL estivemos a Vicepresidenta (Loly Lago) e o Presidente (Antonio Martínez)

Durante 75 minutos intensos o Xefe do Gabinete da Consellería estivo escoitando a nosa valoración da situación actual das Bibliotecas Escolares de Galicia e as nosas propostas para que continúen mellorando. Ademais fixémoslle entrega dunha carpeta con documentación relativa ás nosas propostas.

Abordamos os seguintes puntos:
1.- Situación actual, avances nos últimos anos.

2.- Necesidade de regular un modelo de Biblioteca (tomou nota e o considerou lóxico, razoable e posible, mediante unha Orde)

3.- Reclamación da existencia da figura do responsable da Biblioteca Escolar con formación e dedicación horaria suficiente.

Comentóuselle as palabras da Conselleira do pasado día 24 de novembro en Ames onde afirmou que no borrador do Regulamento Orgánico de Centros figura o recoñecemento deste cargo e a súa redución horaria (nalgúns casos) ata metade da xornada lectiva. Tomou nota e comentou que en XII-08 no borrador do Regulamento Orgánico de Centros que manexa a Consellería figura a equiparación da figura do Responsable da Biblioteca Escolar co dos Xefes de Departamentos Didácticos (tanto para E.Primaria como E. Secundaria), cun desconto da carga lectiva de tres horas (entendemos que ademais das complementarias). Desculpou o erro da Conselleira. Amosamos a nosa ledicia pero afirmamos que é paso adiante posto que aínda quedaría moito por facer neste asunto (descompensación entre funcións asignadas na normativa e tempo para facelas)

4.- Reclamamos a existencia dun Equipo de Apoio á Biblioteca con dedicación horaria suficiente (tomou nota)

5.- Reclamamos a continuidade e extensión do Plan de Mellora de Biblioteca Escolares. Para o curso 2009/10 está garantido, cun incremento orzamentario do entre o 10 e o 15%. Máis alá non se pode (loxicamente) comprometer.

6.- Reclamamos a necesidade de que a Consellería conte con mobiliario axeitado para as Bibliotecas Escolares. Tomou notas moi concretas para informarse e avanzar nesta liña.

7.- Reclamamos o aumento das superficies mínimas para as Bibliotecas Escolares contempladas nos Reais Decretos (tomou nota)

8.-Reclamamos o recoñecemento administrativo do labor desenvolvido polas persoas responsables das Bibliotecas Escolares (Tomou nota)

9.- Pedimos a ampliación a todos os Centros de Formación do Profesorado da Asesoría de Bibliotecas Escolares, o aumento do número de persoas no servizos centrais e un aumento da súa capacidade de xestión e decisión. Respondeunos que para o ano 2009 non haberá ningún incremento de persoal.

Finalmente garantiunos que a Conselleira nos recibirá en xaneiro-febreiro e que para entón nos comunicará que en varios destes temas xa haberá algunha noticia.

Foi unha charla intensa e agrable. Saímos coa sensación de ser escoitados, comprendidos e de que as nosas propostas/reclamacións serán seriamente estudadas. Pareceunos un interlocutor válido.

;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column