Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




A Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura,AGABEL, e no seu nome a directiva actual,  DIANTE DAS INSTRUCIÓNS DE 2 DE SETEMBRO DE 2013 SOBRE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, desexa manifestar o seguinte:



- Valoramos  o interese da Consellería ante as nosas propostas, a oportunidade das instrucións, a súa claridade e a sensibilidade que mostra ante a problemática das bibliotecas escolares.

- Consideramos moi importante a identificación da biblioteca como motor da innovación educativa e o desenvolvemento do currículo. Cremos, tamén, fundamental o recoñecemento do labor do  coordinador/a e do equipo da biblioteca.

- Así mesmo é destacable o establecemento  dun orzamento propio da biblioteca co fin de dar resposta ás necesidades da mesma para acadar todos os obxectivos recollidos nas instrucións.

Sen embargo, lamentamos profundamente o paradoxo que se dá na actualidade, xa que, a pesar de todas as medidas, é imposible dar cumprimento ás instrucións na maioría dos centros galegos. O minguado cadro de persoal da maioría dos centros e as necesidades crecentes ás que se enfrontan non permiten que, na práctica, os equipos directivos poidan satisfacer as necesidades horarias que se indican. Do mesmo xeito, o minguado orzamento que se enfronta á suba de prezos incrementada pola modificación da taxa do IVE fai inasumible a dedicación do mínimo indicado ás necesidades da biblioteca; téñase en conta que en moitos casos só os gastos en calefacción supoñen o 50% dos gastos de funcionamento dos centros.

Esperamos que a Consellería se achegue cada vez máis ao devir cotián da realidade da escola galega actual que, malia aos esforzos dos equipos de profesores e os equipos directivos ven irrealizables estas tan necesarias instrucións.

Agardamos que o establecemento de garantías para o cumprimento das instrucións, co apoio da Asesoría de Bibliotecas e da inspección educativa contribúa á mellora do funcionamento das bibliotecas para vindeiros cursos, pero precisamos persoal que cubra os tempos de dedicación necesarios, circunstancia que hoxe en día non se dá.



Os premiados (foto de @alorenzo.64)

No serán de onte celebrouse en Monforte a entrega dos Premios Irmandade do Libro na súa XXIII edición. Os agasallados este ano foron: 

Premio de Honra: Antonio Fernández Maira (Coordinador da Federación de Libreiros).
Mellor Autora do ano: Mª Xosé Queizán.
Mellor Centro Educativo na promoción da cultura: C.E.I.P. Quintela de Moaña.
Mellor Librería do ano: Librería Komic de Santiago.
Obra Editorial do ano: "Guías da Natureza" de editorial Baía.
Fomento da Lectura para a web "Galicia encantada".


A nova ten unha alegría engadida, xa que Isabel Vázquez Rosales (a "nosa" Isa) recolleu o merecido premio que lle concederon ao labor na súa biblioteca, a Biblioteca do Cole de Quintela. Parabéns!



Información recollida a través de  "Brétemas"





Xa está convocada a Asemblea Ordinaria de AGABEL para o vindeiro 13 de abril. Coma sempre, no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a partires das 11.00 en primeira convocatoria, e das 11.30 en segunda. A partires das 12.30, e se a marcha do debate o permite, poderemos comezar a asemblea aberta á que nos comprometemos nos últimos Encontros do PLAMBE, xa que dispoñemos dun lugar axeitado para facelo. 

Durante a Asemblea discutirase o documento de AGABEL que resume a modo de decálogo a nosa presenza no mundo das bibliotecas escolares, e que reivindica melloras para o traballo dos responsables e o seu equipo nos centros de ensino. Podes consultalo aquí.

Salón do Libro de Pontevedra


O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra  abrirá as súas portas entre o 2 e o 23 de marzo. Esta é a XIV edición, e o tema é   “A toda máquina”
O salón contará coma sempre con exposicións e obradoiros.
Os centros de ensino teñen a posibilidade de participar nas visitas guiadas as exposicións de traballos plásticos, novidades editoriales, e salas temáticas, algunhas delas decoradas polos alumnos de Belas Artes de Pontevedra.

Máis información na páxina do Salón do Libro

Premios Irmandade do Libro


A Federación de Libreiros de Galicia convoca o XXII Premios Irmandade do Libro, que conta coa modalidade Centros de Ensino. Neste premio valoráranse as actividades relacionadas co fomento da lectura, e a colaboración coas librerías do contorno durante o ano 2012.
O premio consistirá nunha figura de bronce, deseño do artista Ismael López, e a entrega de premios celebrarase en Monforte de Lemos o 20 de abril.
O prazo para a entrega dos traballos remata o 13 de marzo as 14.00 horas
Máis información:


;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column