Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




Situación actual de AGABEL

Diante das derradeiras asembleas de AGABEL, desexo contar o seguinte:

Hai xa 12 anos un grupo de profesionais do ensino e das bibliotecas municipais, preocupados polo abandono das bibliotecas escolares, constituíron na cidade da Coruña a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (AGABEL). Tiñan uns obxectivos moi claros (podedes revisalos na súa web), importantes experiencias que os respaldaban e, sobre todo, moita ilusión. Moitos lembramos aínda aquelas reunións (semanais!) no Forum, os encontros con escritores, os cafés “literarios” cos que entramos en contacto con esta asociación.
Durante todos estes anos, o traballo de AGABEL deu saborosos froitos: alguén recibe aínda na súa biblioteca aqueles inútiles lotes de libros, alguén di que o centro non dispón dun ordenador para uso exclusivo da xestión, alguén acha en falta unha persoa ou persoas de referencia na Consellería para responder ás nosas dúbidas, alguén non dispón dun programa de xestión en rede para catalogar os seus fondos, alguén di atoparse só e sen axuda doutros centros para desenvolver os seus proxectos, saír de dúbidas, alguén di ter falta de formación…?
Moitos poden argüír que todos estes recursos foron obra dunha sabia administración educativa. Pero se miramos as cifras do total do Estado saltan logo as preguntas: “Por que as bibliotecas escolares galegas se diferencian tanto das demais? Por que somos tomados como exemplo de boa xestión, de imaxinación, de cooperación? Por que cando saímos fora de Galicia todos os nosos compañeiros nos felicitan?” Probablemente porque o deseño do desenvolvemento das bibliotecas escolares se fixo “desde dentro”, desde a experiencia, dando resposta ás auténticas necesidades plantexadas polos profesionais do ensino, por nós, que tiñamos unha voz única que sempre nos representou con datos e plans realizables diante dos sucesivos gobernos de Galicia.
Todos os que se incorporan agora a esta “familia” do PLAMBE deben saber que estas conquistas non foron obra da xenerosidade dos conselleiros ou directores xerais, senón froito do traballo de todos, e que entre eses todos sempre perviviu o espírito de AGABEL. Foi a axuda desinteresada, a man acolledora, a que nos amosou exemplos de boas prácticas noutros países e nos dixo: “Nós tamén podemos, por que non?”, a voz que falou nos despachos e que puxo a cara e sinatura a todas as nosas reivindicacións, a que nos contou o que se estaba cocendo nos DOG, e que afectaba e afecta á nosa formación (asesorías dos CEFORE) e á nosa organización (ROC).  
Temos agora a sensación de que por fin, “fixemos cumio”. Parece que o noso traballo está rematado. Xa chegamos ao alto da montaña pelexando, sufrindo, mesmo perdendo equipo polo camiño. E agora que estamos aquí, so queda descender e rematou a aventura. De verdade é isto así? Xa non hai máis cumios que alcanzar? A partir deste momento, veremos unha vez e outra repetida a nosa fazaña desde o noso salón, sen buscar máis nada, porque non hai máis nada que buscar?
E agora que? Supoño que o recurso será queixarse a través da rede (porque motivos hainos), desafogarnos, chorar xuntos, criticar a este ou aquel, e pechar logo o computador para seguir coa nosa vida. Bonito plan. Daremos por certo que as nosas asesoras (esas polas que tanto pelexamos e que tanto pelexan) van transmitir a nosa situación aos seus “superiores” polas canles establecidas. Que serán elas as que “se queixen” da escasez de persoal, da falta de horarios, da falta de recoñecemento, da non existencia sobre o papel da biblioteca escolar (aínda estamos nesta situación) e da ausencia de medios e de cartos (que vai chegar). Así de ben organizadiño. Pois non. Este mundo non funciona así. Temos que facelo nós, so nós podemos facelo.
A última directiva de AGABEL rematou o seu mandato, e na Asemblea celebrada en Compostela o pasado 12 de maio non foi presentada ningunha candidatura. O noso presidente en funcións anuncia a convocatoria de dúas últimas (se cadra derradeiras) asembleas: as que certificarán a defunción da nosa Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura. Non nos enganemos: deixar morrer AGABEL vai ser o comezo do fin do noso labor. É a proba máis clara de que a crise tamén chegou ao noso corazón, aquel que bombea ilusión e fe no noso traballo. Vese que agora, ese noso corazón xa non ten materia que repartir, e que o noso corpo, ese que antes era forte, vivo, animado, non foi quen de enxendrar máis que cifras que enchen as nosas bibliotecas, os orzamentos, os balances de resultados. Se non hai quen tome o relevo, esta andaina remata o vindeiro 9 de xuño. Os que, ademais de estar indignados, teñan capacidade de reacción e iniciativa teñen a palabra.
 En Cee, a 24 de maio de 2012
Susana Seoane Dovigo
Secretaria de AGABEL

Asemblea Ordinaria do 12-V-2012

ACTA DA ASEMBLEA ANUAL ORDINARIA DA ASOCIACIÓN GALEGA POLAS BIBLIOTECAS ESCOLARES E A LECTURA (AGABEL) DO 12 DE MAIO DE 2012.


Sendo as 11,00 horas (en segunda convocatoria) e en Santiago de Compostela celebrouse a asemblea coa seguinte Orde do Día:

1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

2.- Informe do estado de contas.

3.- Informe de actividades desenvolvidas.

5.- Renovación da xunta directiva: presentación e votación das candidaturas presentadas.

7.- Rogos e preguntas.



1.- Tras a lectura da acta da asemblea anterior, foi aprobada.


2.- Informe do estado de contas

            Ingresos por cotas: 2.007 euros

            Gastos:                      796,56 euros

Saldo a 1-V-2012: 5.634,30 euros

Aprobouse o estado de contas.


3.- Informe de actividades desenvolvidas.

-Redactouse unha proposta sobre os borradores de ROCs das Escolas de Idiomas e dos Conservatorios de Música e Danza. En abril 2010 foi enviado a CIG, CCOO, FETE-UGT e á Consellería de Educación.

-Celebración do décimo aniversario da asociación.

-Nos Encontros do PLAMBE, 16-IV-2010 foron repartidos trípticos, fotocopias e bolígrafos.

-Entrevista con J. L. Mira Lema. Director Xeral de Educación.

-30-X-10 Publicación dunha entrevista en Galicia Hoxe

Mantemento do blog.

-Xaneiro 2011: solicítase entrevista con J. L. Mira Lema. Director Xeral de Educación  pola publicación dun ROC.

-18-V-11: Entrevista con J. L. Mira Lema. Director Xeral de Educación.

-De cada entrevista enviouse a cada socio/a o seu informe correspondente.

-Finais de maio 2011: protesta polo borrador da orde de formación sen asesorías de BE, enviando faxes ao Conselleiro e aos dous directores xerais.

-En marzo de 2011 o presidente comunica a súa dimisión aos outros membros da directiva. Como non se conta coa existencia de ningunha candidatura alternativa á Directiva, o presidente decide non convocar a  asemblea anual nin pasar ao cobro os recibos do 2011.


5.- Renovación da xunta directiva: presentación e votación das candidaturas presentadas.

Como non hai candidaturas presentadas, o presidente propón:

-Convocatoria dunha asemblea extraordinaria para tratar de acadar a presentación dunha candidatura, en varias semanas e na Coruña.

-En caso de non presentarse ningunha candidatura, celebrar, inmediatamente outra asemblea extraordinaria para proceder á disolución da asociación, tal e como recollen os nosos estatutos, que ao respecto din:



“Art. 35

A Asociación poderase disolver :

a)    Por vontade das/dos asociadas/asociados, expresada mediante acordo da Asemblea Xeral.

… O acordo de disolución adoptarase pola Asemblea Xeral, convocada ao efecto, por maioría de 2/3 das/dos asociadas/asociados.

Art. 36

No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución nomeará unha comisión liquidadora, composta por cinco membros da xunta directiva, que se fará cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbese, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída con enderezo nesta provincia ou a unha comunidade que se dedique a iguais ou, no seu defecto, análogos fins aos desta Asociación.”

7.- Rogos e preguntas.

Non habendo nin rogos nin preguntas, rematouse a asemblea ás 12,30 horas.


;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column