Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




O seguinte texto foi enviado ao Conselleiro, ao Director Xeral de Centros e ao Director Xeral de Educación ante a supresión das asesorías de Bibliotecas Escolares nos distintos ámbito da formación do profesorado:

Coñecido por vía sindical o borrador da orde para cubrir postos de asesores/as de formación do profesorado, a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura (AGABEL) quérelle manifestar o seguinte:


1º Desde hai once anos, a situación das Bibliotecas Escolares galegas foi, paseniñamente, mellorando. Doues exemplos poden ser a creación da Asesoría nos servizos centrais ou o desenvolvemento do Plan de Mellora.


2º Hai un recoñecemento no Estado á situación actual das Bibliotecas Escolares de Galicia tal e como demostra a cantidade dos premios do Ministerio recoñecendo as boas prácticas que se desenvolven nelas e das que a Consellería presume na súa páxina web.


3º Como vostede ben coñece son aínda moitas as nosas reivindicacións para acadar que as Bibliotecas Escolares ofrezan un servizo de calidade nos nosos centros educativos.


4º Desde que o actual equipo da Consellería está exercendo as súas competencias, o número de asesorías de Bibliotecas Escolares nos distintos Centros de Formación vai diminuíndo.


5º Non hai ningún outro ámbito da docencia que demande tanta formación como as Bibliotecas Escolares, como vostede ben puido comprobar nos distintos Encontros ou Xornadas ás que xa tivo a oportunidade de asistir.


6º Con este borrador dáse o primeiro gran paso atrás nas Bibliotecas Escolares desde que o conselleiro Celso Currás nos recibira por primeira vez hai xa máis de dez anos.


7º Consideramos un verdadeiro ataque frontal ás Bibliotecas Escolares a ausencia de asesorías específicas neste ámbito no citado borrador. Sen formación non pode haber melloría. Sen formación, sen asesores/as específicos, non se pode garantir ningún avance na calidade do servizo que prestamos.

Urxímoslle a que faga todo o posible para incluír tanto no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación, como en todos os Centros de Formación e Recursos, unha praza de Bibliotecas Escolares.

É este o recoñecemento que se da ás bibliotecas escolares para que sexa un dos factores que favorezan a calidade do ensino que menciona a LOE no seu artigo 2.2?
Por último, nos preguntamos onde quedaron o espazo e a consideración que o Conselleiro de Educación daba ás bibliotecas hai algo mais dun ano na súa comparecencia no Parlamento de Galicia para explicar a situación actual das Bibliotecas Escolares e a presentación do plan LIA (Lectura, Información e Aprendizaxe).

2 comentarios:

únome a vosa protesta e o meu agradecemento aos vosos esforzos por dignificar o noso traballo, e, que mellor xeito de apoiar as vosas reivindicacións, que son as de todos nós, que solicitando que me permitades unirme a vosa asociación? Son Sabela Lahuerta, responsable da biblioteca da Unitaria de Vide. A onde teño que dirixir a miña solicitude?

31/5/11 09:20  

O claustro de profesorado do CEP Xosé Mª Brea Segade de Taragoña decidiu, por unanimidade, apoiar o escrito de protesta de Agabel.
Aproveitamos para expresar o noso agradecemento polo labor da asociación defendendo e dignificando as nosas bibliotecas.

Saúdos desde Taragoña

Claustro de Profesorado do CEP Xosé Mª Brea Segade de Taragoña (Rianxo)

Anónimo dijo...
1/6/11 01:56  

Publicar un comentario

Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column