Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




Entrevista co Director Xeral de Educación.

En setembro de 2010 mantiveramos unha primeira xuntanza co actual Director Xeral de Educación a pesar de que as bibliotecas escolares dependen organicamente da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Naquela reunión quedárase en volver a manter, nun breve prazo, outra posto que o Director Xeral comprometérase a darnos nova información. Habida conta que esa nova información non se produciu no tempo comprometido e que se publicou un novo Regulamento Orgánico dos conservatorios de música e danza (Decreto 223/2010, do 30 de decembro) onde a situación das bibliotecas afectadas non fora mellorada con respecto ao borrador, decidimos solicitar outra entrevista o de xaneiro.

O pasado 18 de maio, tras un aprazamento non imputable á Consellería, o Presidente de AGABEL e unha socia, estivemos charlando durante unha media hora co Director Xeral. Coma na xuntanza anterior, a reunión desenvolveuse nun ambiente cordial e sincero. Foi máis breve e rápida ca anterior.

Repasamos as nosas reivindicacións como colectivo (coñéceas perfectamente) e afondamos en temas de actualidade:
-Situación dos Regulamentos Orgánicos de Centros: xa foron publicados dous decretos: no primeiro a biblioteca practicamente non existe (o xa citado Decreto 223/2010, do 30 de decembro ) e no segundo (DECRETO 77/2011, do 7 de abril, polo que se establece o Regulamento orgánico dos centros integrados de formación profesional) aparece dun xeito mellor que no borrador mais sen garantir a formación do seu responsable e sen garantir un tempo mínimo de dedicación. Sobre os regulamentos de Infantil, Primaria e Secundaria comentounos que se está a espera da aprobación da Lei de Convivencia para desenvolvela (non obtivemos ningún compromiso)

-Tamén nos comenta que no desenvolvemento dos anunciados Contratos-programas haberá un apartado específico para a lectura.

-Sobre as asesorías de bibliotecas escolares nos CFR, contounos que axiña será publicada a normativa que desenvolverá o novo decreto de formación (DECRETO 74/2011, do 14 de abril). Ante a nosa insistencia, volverá estudar a posible presenza dunha asesoría no novo centro de formación Centro Autonómico de Formación e Innovación xa que ata ese día tal asesoría especifica de bibliotecas escolares non estaba contemplada.

-Sobre introducir mobiliario axeitado para bibliotecas escolares no catálogo de equipamento da Consellería, pediunos que lle remitíramos algún estudo técnico ao respecto e que tramitaríao á Secretaría Xeral da Consellería.

A valoración persoal desta xuntanza farémola na vindeira asemblea da asociación.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column