Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




A Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura,AGABEL, e no seu nome a directiva actual,  DIANTE DAS INSTRUCIÓNS DE 2 DE SETEMBRO DE 2013 SOBRE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, desexa manifestar o seguinte:



- Valoramos  o interese da Consellería ante as nosas propostas, a oportunidade das instrucións, a súa claridade e a sensibilidade que mostra ante a problemática das bibliotecas escolares.

- Consideramos moi importante a identificación da biblioteca como motor da innovación educativa e o desenvolvemento do currículo. Cremos, tamén, fundamental o recoñecemento do labor do  coordinador/a e do equipo da biblioteca.

- Así mesmo é destacable o establecemento  dun orzamento propio da biblioteca co fin de dar resposta ás necesidades da mesma para acadar todos os obxectivos recollidos nas instrucións.

Sen embargo, lamentamos profundamente o paradoxo que se dá na actualidade, xa que, a pesar de todas as medidas, é imposible dar cumprimento ás instrucións na maioría dos centros galegos. O minguado cadro de persoal da maioría dos centros e as necesidades crecentes ás que se enfrontan non permiten que, na práctica, os equipos directivos poidan satisfacer as necesidades horarias que se indican. Do mesmo xeito, o minguado orzamento que se enfronta á suba de prezos incrementada pola modificación da taxa do IVE fai inasumible a dedicación do mínimo indicado ás necesidades da biblioteca; téñase en conta que en moitos casos só os gastos en calefacción supoñen o 50% dos gastos de funcionamento dos centros.

Esperamos que a Consellería se achegue cada vez máis ao devir cotián da realidade da escola galega actual que, malia aos esforzos dos equipos de profesores e os equipos directivos ven irrealizables estas tan necesarias instrucións.

Agardamos que o establecemento de garantías para o cumprimento das instrucións, co apoio da Asesoría de Bibliotecas e da inspección educativa contribúa á mellora do funcionamento das bibliotecas para vindeiros cursos, pero precisamos persoal que cubra os tempos de dedicación necesarios, circunstancia que hoxe en día non se dá.



0 comentarios:

Publicar un comentario

Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column