Benvidos e benvidas ao blogue de Agabel.




Entrevista con José Luís Mira Lema, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

O pasado 9 de setembro pola tarde dúas persoas de AGABEL (o presidente e unha socia de Santiago) fomos recibidos polo Director Xeral de Educación. A entrevista fora solicitada meses atrás ante a preocupación que nos produciron os borradores de Regulamentos Orgánicos de Centros de Ensinanzas Especiais que se deran a coñecer e porque algúns dos temas que nos preocupan son da súa competencia e non da Dirección Xeral de Centros da que dependen directamente as bibliotecas Escolares.
A entrevista foi breve e concisa, mantida nun ambiente agradábel e sincero. Tras ler o Director Xeral as nosas sabidas reivindicacións (Orde que regule todo o referido á biblioteca escolar, ROCs, tempo de dedicación á biblioteca, recoñecemento administrativo do responsable da biblioteca, decreto de espazos mínimos, mobiliario, asesores/as dos CFRs de bibliotecas….) e proceder, pola nosa banda, a unha breve explicación das mesmas, o Director Xeral comprometeuse a que nun breve espazo de tempo (primeira semana de ou turbo) teríamos información relativa ás mesmas.
Tan só abordou un tema algo polo miudo que foi a práctica carencia de asesores/as de bibliotecas escolares nos CFRs para o vindeiro curso. Dixonos que axiña será publicado un decreto que modificará todos os perfís das asesorías.

A intención do Director Xeral é a de coñecer polo miúdo a situación actual das bibliotecas escolares galegas para logo poder tomar as decisión que se podan. Para iso pensa en crear un grupo de traballo con xente da Consellería e outros expertos. Insistiu nas dificultades existentes para gastar máis cartos.

Como vedes, non facemos valoracións da entrevista, tan só vos damos a información da mesma.

Agardaremos ata a primeira semana de outubro para ter un novo contacto con José L. Mira Lema.

;;
Agabel - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column